A necesidade de enviar un ficheiro a outra persoa mediante o correo electrónico non é nova, aínda que o certo é que o proceso de dixitalización dos últimos anos fai cada vez máis común a necesidade de enviar ficheiros relativamente grandes aos destinatarios, o que pode chegar a supoñer un problema se non se fai correctamente.

Este problema xorde porque o correo electrónico non foi pensando para enviar arquivos adxuntos moi grandes e, se facemos isto, corremos o risco de que o correo non chegue ao destinatario, moi probablemente porque algún provedor do servizo de correo o bloquee.

Pero, a que chamamos exactamente "ficheiro relativamente grande"? Cando debemos renunciar a enviar un ficheiro adxunto nun correo e buscar métodos alternativos?

Por desgraza, a resposta a estas preguntas non é unha cifra exacta, xa que o tamaño máximo dun correo depende de varios factores: do noso provedor do servizo de correo, do provedor do destinatario, do sistema que empreguemos para ler o correo etc.

É bastante probable que un correo que teña adxuntos que non superen os 25 MB (megabytes) de tamaño en total (contando o tamaño de todos os adxuntos) chegue ao seu destinatario, pero para ter un grao maior de confiabilidade na entrega nós non recomendamos superar os 10 MB en total. Deste xeito é menos probable que o destinatario do noso correo teña problemas coa recepción do correo. Polo tanto, a nosa recomendación é empregar un sistema alternativo de envío de ficheiros cando queiramos enviar ficheiros que ocupan máis de 10 MB no seu conxunto.

Para o envío de ficheiros grandes mediante sistemas alternativos destacamos dúas alternativas: as proporcionadas por aplicacións específicas en liña (WeTransfer, FileTransfer etc), e as que proporcionan os sistemas habituais de almacenamento de datos na nube: OneDrive, Google Drive, DropBox etc. No caso das primeiras debemos ter en conta, ademais, que soen ter un límite de tamaño no plan gratuíto, aínda que soe ser suficiente para a maioría dos casos (2 GB no caso de WeTransfer no momento de escribir estas liñas).

Proximamente publicaremos algúns vídeos onde explicaremos en detalle como compartir ficheiros grandes empregando tres das aplicacións recollidas neste artigo: WeTransfer, OneDrive e Google Drive.