Introdución

Son frecuentes as ocasións nas que, falando de informática, se di que en último termo o que hai nun ordenador son uns e ceros. Aínda que isto é así desde certo punto de vista, raramente este dato achega información útil ás persoas que teñen un perfil non técnico pero que empregan un ordenador de xeito habitual. Ao fin e ao cabo, a universalización da informática foi causada, en grande medida, pola eliminación progresiva da necesidade de ter coñecementos moi técnicos para poder usar un ordenador.

Co paso do tempo, "enriba" destes ceros e uns fóronse poñendo diferentes capas de software que permitiron facilitar o manexo dos ordenadores, ao tempo de que cada vez máis detalles técnicos pasaron a ser irrelevantes para o seu manexo. Pero esta tendencia non está exenta de problemas colaterais, xa que, nalgúns casos, os usuarios pasaron a empregar programas e ferramentas sen saber moi ben o que estaban facendo. No curto prazo resulta práctico resolver algunhas cuestións particulares deste xeito, pero se este modus operandi se xeneraliza, é habitual que a falta de coñecementos técnicos se nos revele nalgún momento a través dalgunha sorpresa desagradable.

Unha das primeiras capas de software por enriba deses ceros e uns está constituída polo sistema operativo (SO), o cal, simplificando, é o programa principal que nos permite facer tarefas básicas nun ordenador. O sistema operativo máis estendido entre os ordenadores é o sistema operativo Windows, de Microsoft, aínda que tamén hai outros como macOS X de Apple e diversas variantes de Linux (Debian, Ubuntu, RedHat etc.), un sistema operativo desenvolvido por multitude de empresas e voluntarios ao redor do mundo.

Todos os sistemas operativos teñen en común que organizan a información en ficheiros e cartafois (tamén chamados directorios por persoas cun perfil máis técnico). Podemos establecer un paralelismo entre as cartafois e os ficheiros informáticos e os cartafois e os documentos en papel, respectivamente. Do mesmo xeito que a información no mundo físico está impresa en papeis grampados en documentos (ficheiros) e almacenados e agrupados en cartafois, no mundo dixital tamén se almacena a información correspondente aos documentos en ficheiros, que se poden organizar ao tempo en cartafois.

Tipoloxía de ficheiros

Centrándonos xa no plano da informática, a identificación dun ficheiro está formada por tres constituíntes: o nome, un punto e a extensión. Esta extensión é a que determina o tipo do ficheiro, xa que non todos os ficheiros teñen o mesmo tipo de contido. Así, por exemplo, hainos que conteñen simplemente texto, que teñen texto con formato, que conteñen son ou vídeo etc.

O problema é que, por defecto, os sistemas operativos tenden a ocultar a extensión dos ficheiros, e proporcionan a información do tipo de ficheiro a través das diferentes iconas que empregan na visualización. Quizais na maior parte das ocasións isto non supoña ningún problema, pero en determinadas circunstancias, como cando alguén recibe un ficheiro doutra persoa coa extensión equivocada, algo que ocorre máis frecuentemente do que pode parecer, é moi probable que nin o sistema operativo nin a persoa que recibe o ficheiro saiba que facer con el.

É por isto que adoita ser de utilidade habilitar no sistema operativo a opción de ver os nomes de ficheiro coa súa extensión, o que nos vai permitir, se o necesitamos, poder modificar a extensión do ficheiro.

NOTA: Ollo! Non quere dicir isto que ao cambiarlle a extensión a un ficheiro se convirta ao formato correspondente á nova extensión. A extensión simplemente lle dá unha indicación ao sistema operativo sobre que programa ten que empregar para abrir un ficheiro, pero un cambio na extensión non fai que o contido do ficheiro cambie e, polo tanto, non se fai ningún tipo de conversión nese sentido.

Ficheiros de texto e ficheiros binarios

Podemos clasificar os ficheiros en dous tipos: ficheiros de texto e ficheiros binarios.

Os ficheiros de texto son os que unicamente conteñen texto no seu interior e, polo tanto, poderemos ver e/ou manipular o seu contido empregando unha ferramenta básica do sistema operativo: o editor de textos.

Neste punto é necesario distinguir entre editor de textos e procesador de textos. Un editor de textos é un programa que permite ver e/ou editar ficheiros de texto, é dicir, ficheiros que conteñen unicamente texto, mentres que un procesador de textos permite ver e/ou editar ficheiros nos que, ademais de texto, pode haber outro tipo de información que o procesador ten que interpretar: tipos de letra, imaxes etc. Por exemplo, o Microsoft Word é un procesador de textos e, polo tanto, os ficheiros que xenera por defecto, que teñen extensión .doc ou .docx, non son ficheiros de texto. Se intentamos abrir un ficheiro .doc ou .docx cun editor de textos, como pode ser o Bloc de notas en Windows ou o TextEdit en MAC OS X, podemos comprobar que se ven cousas raras, como deberiamos esperar.

A extensión máis habitual dos ficheiros de texto é .txt, pero tamén hai outros tipos de ficheiro que poden editarse cun editor de texto e que, polo tanto son, en esencia, ficheiros de texto: .xml, .csv etc.

En contraposición, tamén temos os ficheiros binarios , que son os que non se poden ver e/ou editar cun editor de textos, e poden ser de moitos tipos diferentes: Follas de cálculo (.xls, .xlsx., .ods) imaxes (.jpg, .png, tiff), sons (.mp3, .wav), vídeos (.mp4, .avi, .mkv), procesadores de texto (.doc, .docx, .odt, .pages) etc.

Como amosar as extensións de ficheiros en Windows 10

No seguinte vídeo podemos ver como temos que facer para activar a visualización das extensións dos ficheiros en Windows 10: